A importancia dun bo deseño

|

Deseñar non é só algo estético. A estética é importante para atraernos pero cando temos un obxecto nas nosas mans comezaremos a valorar a facilidade de uso. Por iso os deseñadores deben ter en conta as nosas necesidades e prioridades. Así non só poderemos presumir de algo "fashion" senón a súa comodidade, funcionalidade, utilidade, etc. Se estes dous puntos non converxen poden obter un rexeitamento do consumidor. Exemplos cotiáns: auriculares, que non encaixan ben nas orellas e caen. “Abre fácil” do cartón do leite, que non se poden abrir coas mans e recurrimos a cortar coas tesoiras e ao final sempre acaba derramándose un pouco de leite. Igual que os que teñen anel, que tiras por el e acabas bañandote en leite ou simplemente foi un falso intento e quedou no mesmo sitio, sairía defectuoso? Ou os contenedores sen pedal, xa que coas mans ocupadas é difícil abrir a tapa e tirar todo sen que caia algo ao chan. Etiquetas de roupa, longas, incómodas e posiblemente innecesarias. A parte central da caixa dos CD´s, dura, que fai difícil a extracción do disco, polo que, acaba rompendo, non sen antes ter a sensación de que vas romper o propio CD. Pero non todo vai ser negativo. Un bo exemplo de deseño e satisfación do consumidor: starbucks. Con pequenos e innovadores detalles afianzaronse como referente para o público e actualmente conta con máis de 9200 establecementos en máis de 36 países.

Deseñando Facultades.

|

Benvidos á facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Unha obra do recoñecido arquitecto portugués Álvaro Siza. Cando entren teñan en conta que pisan chan premiado pero coidado, non esvaren. É un diseño non pensado para días chuviosos nin para zapatos de tacón. Póñanlle goma ao seu calzado, é o mellor. Pero claro, se deixaran os paraugas no obxecto indefinido da entrada non estaría todo mollado. Que non se deran conta para que servía? Non se preocupen, eu tampouco. Probablemente as bicicletas colocadas no “paragüeiro especial” fan que nos despistemos. Ou tamén pode ser que teñan sorte e poidan entrar pola saída de emerxencia e xa non vexan o citado instrumento. Aínda que non creo, porque esa porta seguro que está pechada, sobre todo polas mañás, o que nos pon de mal humor aos que vimos daquela dirección. De todas formas, se é unha saída de emerxencia, por que hai un felpudo? Non creo que se necesite, porque todo dentro está moi limpo, a verdade. A min non me engana o señor arquitecto, seguro que sabía que ninguén ía respectar iso de “emerxencia”, e moito menos o de “saída”. Ben, afastémonos de portas e vaiamos directos á comodidade, xa que probablemente estean cansos. Non pensen que van atoparse moi a gusto nas cadeiras…porque o respaldo deixa moito que desexar, e mais se teñen que estar coma nós seis horas seguidas alí inmóbiles. Tranquilos se rompen unha cadeira, non foron vostedes os culpables, son tornillos pouco resistentes. Están perdoados. Pareceralles moi orixinal a rampa do edificio. Dá sensación de grandes espazos, algo que sen dúbida é un punto forte da facultade. Pero non todo pode ser bo e se ten que desprazarse en cadeira de rodas, non lla recomendo porque poden acadar gran velocidade e non é plan de facer carreiras semellando Fernando Alonso. Hai máis cousas ben deseñadas. A luz natural está moi ben distribuída, grandes ventanais na planta baixa que nos fan ver con máis claridade. O lado negativo, a deficiente luz artificial. Esta é unha crítica que intenta facer reflexionar sobre os problemas que poden ter algúns edificios, aínda que sexan ideados por grandes arquitectos e, xa que estamos, para que cando poidan intenten modificar algo. Espero que lles gustase esta “visita” pola nosa facultade, sempre serán ben recibidos.